Adicado aos veciños de Carballo (A Coruña). Texto do meu pregón no San Xoán 2015

SANXOAN (1)

Queridos carballeses!   

Visitantes de Carballo!  

Autoridades locais!

       As miñas primeiras palabras ­–é unha obriga para min- son para os membros da comisión de festas de San Xoán. Teño que dicirvos unha cousa, moi seriamente: Sodes ben riquiños, oh.

Levades dende a comisión tantos anos convidándome a dar o pregón, que xa non lembro cal foi o San Xoán no que me chamades por primeira vez. Mesmo é posible que, daquela, Evencio Ferrero fose un neno, eu aínda non nacera e vós xa estabades tentando que vencera a miña timidez e fora quen de facer… o que estou a facer.

yoPorque ese é, queridos carballeses, o meu defecto. (Teño mais, pero non veñen a conto agora mesmo). Quen ben me coñece sabe que son un home coitado, de poucas palabras, un “toxo” ás veces.

Xa sei, xa sei, non debería selo. Como xornalista suponse que estou feito a falar cara a xente. Pero nun plató de televisión, un fala á cámara sen ver a ninguén. Ademais está todo escrito nun aparatiño: o teleprompter.

Recepción no Concello de Carballo, con Evencio Ferrero, o alcalde, ao fronte.
Recepción no Concello de Carballo, con Evencio Ferrero, o alcalde, ao fronte.

Nun pregón todo é distinto. Tes o público ao teu carón e ves as súas caras. Se ves alguén bocexar, ou escoitas que di iso tan noso de “marcho que teño que marchar”… Se ves ou escoitas algo así, digo, ti veste abaixo. Por iso eu –cando recibía esa chamada- , ano tras ano dicía que non. Poñía unha desculpa ás veces certa e ás veces non (e por estas últimas pido perdón á comisión).

publico
Mais de 400 persoas na praza do concello.

Eu pensaba: Se non son quen de falar na casa, como vou falar en Carballo? Diante da familia, dos amigos! E nas festas de San Xoán! Imposible. Mais este ano, aquí me vedes. Dixen si por dous motivos.

Primeiro: veño de dar un pregón en Muimenta, en Lugo. Alí fun o día do acto por primeira vez na miña vida, sen ter familiares nin amigos nin nada. Despois de Muimenta, a ver quen dicía que non a Carballo! Os da comisión deixarían de chamar!

Segundo motivo e aínda mais importante: Entendín que eu teño a obriga de devolver a Carballo o que Carballo me deu.

Firma na libro de honra do Concello de Carballo
Firma na libro de honra do Concello de Carballo

Porque eu son quen son e como son grazas a Carballo ou a persoas e escenarios relacionados coa capital de Bergantiños:

Carballo deume para comezar a praia de Razo e Baldaio. Nese cachiño do planeta que vai da Cabreira á Pedra do Sal vivín moitos momentos de felicidade plena. Cada ano da miña infancia producíase un ritual: Rematado o curso escolar, meus pais e eu collíamos en Ferrol un bus que nos deixaba na estación da Coruña. Dende alí un segundo bus levábanos á estación vella, onde partía outro bus, o trole de “Transportes Finisterre” que nos deixaba ao fin, e cansos como mulas, en Carballo.

Aquí pasabamos o San Xoán. Lembro con cariño, daqueles anos, o Tren Popof. Fascinábame ver aos rapaces que se prenden da fiestra e asustan aos nenos que pasabamos por abaixo no vagón. Lembro tamén as fabas fritas que vendía unha muller, e “a muller sen corpo” que se exhibía nunha atracción cando as barracas estaban aquí, no xardín. Tantas e tantas cousas…

E despois do San Xoán, aínda quedaba un bus que coller. Ou, por ser preciso, un camión. O do meu tío. El, os meus primos Sandra e Vicente, os meus pais, os meus avós e eu, íamos nese camión que, por certo, aínda existe. Mesmo resistiu mais anos que a propia tenda para a que traballaba: Muebles Pombo, na rúa Doctor Fleming. Viaxar alí metido non era unha experiencia cómoda. Había que compartir espazo cos víveres que necesitabamos para vivir en Razo case tres meses. Pero iso non nos preocupaba.

Praia de Razo
Praia de Razo

Tampouco as limitacións do pequeno apartamento de aluguer que tiñamos no bar El Cordobés. Era unha vivenda tan modesta que a porta principal chegaba so á altura das cadeiras, como as das películas do oeste. Alí zoaba o vento, entraban os mosquitos e cando viña unha tormenta de verán anegábase a casa.

Pero non podíamos ser mais felices. Como escribín fai pouco en La Voz de Galicia, pescar lorchos na Cabreira; ir de excursión a Baldaio; loitar cos teus primos por comer o rosco do molete de pan; anunciar a berros a chegada da furgoneta de Panadería Seoane; ou pedir permiso ás nosas nais para poder tomar un baño despois de facer a dixestión, todas aquelas pequenas cousas… eran as nosas “grandes teimas”.

Por non preocuparse, nin nos preocupabamos por queimarse na praia. Os nenos andabamos todo día ao sol e, como moito, botábannos ao comezo do día un pouco de Nivea… e tira millas. En fin, quen me dera agora ter ese tipo de problemas!

Ben, había que ter certo respecto ao mar de Razo que, como todos sabedes, ten o seu xenio. Comprobeino cando xogaba a pasar o balón na auga con outros nenos. Algúns deses rapaces estades hoxe aquí, xa convertidos en adultos. Había un mar de fondo do demo. Sen tempo a reaccionar vímonos envoltos pola marea e os socorristas tiveron que entrar na auga a por nós. Isto que vos conto, e a vez que caín a rolos polas escaleiras do Cordobés, son os únicos reproches que lle podo facer a Razo. Pero polo demais estou moi agradecido.

Porque Razo é para min, como vos dixen, sinónimo de felicidade. Un lugar no espazo e no tempo ao que ás veces, de adulto, necesito regresar. Cando teño que tomar unha decisión importante, vou a Razo, baixo ás escaleiras que hai xunto á caseta dos socorristas, camiño e, á volta, teño a decisión tomada. Fíxeno fai poucos meses. Despois de dezaoito anos nunha canle de televisión chamáronme doutra para traballar. Eu estaba entón moi cómodo no traballo, moito tempo facendo o mesmo, e necesitaba un cambio. Xa sabedes, necesitaba “saír da zona de confort” que din agora os especialistas en recursos humanos. E vaia se saín. Saín correndo. Menudo “carallazo” (con perdón) levei. A miña aventura nesa outra canle durou tres meses. Pero fun a Razo. Din un dos meus paseos e vin como novo.

Unha visita á miña primeira emisora de radio: Antena 3 Bergantiños, hoxe Radiovoz.
Unha visita á miña primeira emisora de radio: Antena 3 Bergantiños, hoxe Radiovoz.

Isto da pé a falarvos doutro motivo polo que eu estou agradecido a Carballo. A miña carreira no xornalismo comezou aquí, na emisora chamada daquela Antena 3 Bergantiños, hoxe Radiovoz.  Eu, con 14 anos, xa tiña clara a miña vocación: o xornalismo. Gravei nunha cinta casete un programa coa miña voz e engadín un currículum no que, por suposto, ocultei a miña idade e os meus estudos. Non tiña aínda nin os anos nin a formación necesaria para traballar. Pero tiven sorte. E vouvos contar por qué:

Dicía Ryszard Kapuscinsky que para ser xornalista hai que ser boa persoa. Porque, por exemplo, se un informador é boa persoa, a xente á que entreviste sentirase mais cómoda, confiará nel, e a entrevista será mais rica, mais sincera. Pois ben, eu tiven a sorte de dar, naquela emisora, con profesionais que eran tamén boas persoas. Kapuscinsky estaría orgulloso deles. Foron tan xenerosos que me deron a miña primeira oportunidade para falar de xeito profesional por un micrófono. E iso que era un neno ben rariño, un “friki” que se di agora.

Un exemplo: A min gustábame ler as notas necrolóxicas. ¿O motivo? Entre as notas que anunciaban os falecementos e as que avisaban dos funerais, era posible que houbera que ler, así dun golpe, unhas quince ou vinte notas necrolóxicas seguidas. Quince ou vente minutos falando de mortos. E iso que o programa chamábase ”Viva la Gente”. Qué ironía non?

Eu de adolescente, cando lía notas necrolóxicas na radio.
Eu de adolescente, cando lía notas necrolóxicas na radio.

Pero iso para min representaba unha fabulosa oportunidade para falar polo micrófono. E tamén para familiarizarme coa xeografía carballesa xa que, ademais das identidades do morto e dos seus familiares, lía o percorrido que levaba o bus para o enterro.  E así fun memorizando o nome das nosas dezaoito parroquias. A saber: Aldemunde, Ardaña, Artes, Berdillo, Bértoa, Cances, Carballo, Entrecruces, Goiáns, Lema, Noicela, Oza, Razo, Rus, Rebordelos, Sísamo, Sofán e Vilela.

A praia de Razo, os meus primeiros pasos nos medios de comunicación… Aínda hai un motivo mais polo que eu hoxe vin dar as grazas a Carballo. É o mais importante: A miña familia.

Luis Fraga pai coa súa paixón: as conchiñas da praia de Razo.
Luis Fraga pai coa súa paixón: as conchiñas da praia de Razo.

En Carballo naceron os meus avós; os meus pais, Estrella e Luis; a miña irmá María Herminia Cristina, mais coñecida por moitos de vós como “Menena”; tíos, primos, sobrinos y demás familia, ruegan una oración por su alma y la asistencia al sepelio que… glups, perdoade, oh, fóiseme o santo ao ceo cos notas necrolóxicas. Dicía que toda a familia por parte de nai e pai é made in Carballo.

Se os veranos eran para Razo, o Nadal era para Carballo. Momentos de felicidade naquel baixo do número 10 da rúa Vázquez de Parga. A casa de Julia e Paco, os meus avós maternos.

Non vou insistir moito neste punto porque vou chorar, seino, e

A miña nai e eu durmindo.
A miña nai e eu durmindo.

parecería que no lugar de Luís Fraga estaría pronunciando este discurso Manuel Fraga. Pero so quero lembrar con especial cariño á miña avoa Julia, pola súa fortaleza e capacidade de traballo.  Como ela, outras mulleres da súa xeración traballaron a reo, de sol a sol, nas feiras que aínda hoxe, afortunadamente, sobreviven en Carballo. Precisamente no lugar onde estamos. A miña homenaxe a todas esas carballesas, as vosas avoas ou nais, polo que traballaron por nós.

A noite do 24 de decembro en Carballo era –nese baixo da Vázquez da Parga- o segundo momento máis feliz do ano.

Tamén aquí había unha liturxia que se repetía. Primeiro ceabamos. Despois o meu tío Pombo, o do camión, cantaba a canción de Julio Iglesias “Río rebelde” (xa saben, aquela que dicía tiré tu pañuelo al río, para mirarlo como se hundía…). Papa Noel chegaba na sobremesa. E finalmente, viñan as visitas. Unha desas persoas que viña á nosa casa era Loli.

Loli, daquela, era a solista do grupo Xocaloma. Qué bos eran os de Xocaloma. Aínda hoxe escoito “Soio un sono”, “Lela” ou “Vou ó mar” e un sentimento moi agradable apodérase de min. É un feixe de sensacións que, como non son poeta, cústame describir: Hai un pouco de nostalxia, pero nostalxia da boa, da que non me fai botar de menos tempos pasados, senón ser feliz hoxe por ter vivido ese momento no pasado. Hai tamén moita ledicia e moitísima paz. Sí, a voz de Loli, a voz de Dolores Plata, transmíteme iso: paz.

Ben, pois cando xa os meus primos mais eu xogabamos cos xoguetes naquelas nosas noitevellas de Vázquez de Parga, os adultos berraban:

Que cante Loli!

Que cante Loli!

Loli. A súa voz transmíteme paz.
Loli. A súa voz transmíteme paz. Apareceu por sorpresa no escenario e cantou esa canción que nós cantabamos no noso Nadal: “Airiños, airiños, aires” de Rosalía de Castro.

E Loli, que é mais boa que as pesetas, cantaba. E sempre a mesma canción: “Airiños, airiños aires”, de Rosalía de Castro.

Mirade, eu creo que na vida hai que ser feliz coas cousas pequenas. E eu quero aproveitar o pregón de hoxe para ser feliz, de novo, recreando aquelas noitevellas da infancia na Vázquez de Parga. E quero pedirlle a Loli que cante.

Axudádeme todos. Imaxinade que estades nun 24 de decembro coa miña familia, e berrade conmigo:

Que cante Loli!

Que cante Loli!

Que cante Loli!

[LOLI sae de sorpresa e canta Airiños, airiños aires]

Grazas Loli por este momento de felicidade.

Xa vos contei que toda a miña familia naceu en Carballo. Eu non tiven esa sorte. Os meus pais emigraron a Bremen, Alemaña. E á volta, establecéronse en Ferrol. Naquel Ferrol dos anos 70 onde se vivía, e vivía ben, construíndo barcos.  Hoxe aínda quedan moitos carballeses en países europeos e americanos. Que a historia non se repita. Estes últimos anos vemos como moitos novos sen traballo deben marchar fora. Que os fillos de carballeses nazan e vivan en Carballo –se queren- porque os seus pais non tiveron que emigrar. Traballemos por Carballo.

Materia prima, haina:

Hai un Carballo de ilustres carballeses, como Alfredo Brañas.

Hai un Carballo que mata o feísmo derrubando muros con pintura.

Hai un Carballo que acolle os recoñecidos festivais Fiot –de teatro- e Interplay –de contidos dixitais-.

Pero para traballar hai tempo. Deixémolo para despois do San Xoán. Agora, estes días, a saltar a cachela e a comer sardiñas, a bailar coas orquestras invitadas, a poñer o fiuncho nas portas e fiestras das nosas casas, a descender o Anllóns, a fartarse na Festa do Bosque, a vivir o mellor San Xoán das nosas vidas.

Encantoume o regalo que recibín do Concello de Carballo: Un carballo de Sargadelos, un reloxo, unhas garrapiñadas e dúas entradas para o tren Popof, a miña atracción de feira preferida cando era neno.
Encantoume o regalo que recibín do Concello de Carballo: Un carballo de Sargadelos, un reloxo, unhas garrapiñadas e dúas entradas para o tren Popof, a miña atracción de feira preferida cando era neno.

E que nisto non remate no San Xoan.

¿Por qué non prolongar estas intencións durante todo o ano?

¿Por qué non ser conscientes de que ser de Carballo é un privilexio?

Confiade en vós.

Que ninguén ten dereito a dicirvos que non sodes quen de facer o que vos propoñedes.  Que sodes carballeses! Que xa lles gustaría a outros ter nacido aquí!

Quedan oficialmente abertas as festas do San Xoán en Carballo. 22 de xuño. Ano de 2015.

Viva Carballo! Grazas Carballo!

¿QUÉ TE HA PARECIDO ESTA ENTRADA? ¡Deja un comentario!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s